Monday 29 de April de 2024

Unhas 250 persoas participaron na primeira Andaina contra a Violencia de Xénero organizada polo Concello de Brión


 

Unhas 250 persoas participaron este sábado na primeira Andaina pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, organizada polo Concello de Brión como colofón ás actividades desenvoltas durante o mes de novembro ao abeiro da campaña “Brión en negro”. As fortes choivas caídas na madrugada do venres ao sábado minguaron o número de participantes, xa que inicialmente estaban inscritas unhas catrocentas persoas.

Porén, o tempo acompañou aos camiñantes, que saíron ás 10:00 horas da carballeira de Santa Minia para percorreren unha distancia de 14 quilómetros por camiños e montes brioneses. Na saída, foron agasallados con material da campaña “Brión en Negro” (camisetas e mochilas), así como augas, se ben tamén tiveron ocasións de desfrutar de avituallamentos sólidos e líquidos durante o camiño.

A andaina estivo encabezada polo técnico municipal de Deportes, José Manuel Trigo, que contou co apoio de concelleiros e traballadores municipais ao longo do percorrido, que se fixo a ritmo de paseo. O percorrido levou aos camiñantes por distintas aldeas da parroquia de Brión e as subir ata as Torres de Altamira, para logo pasar polos montes de Rañalonga ata chegar de novo á Carballeira de Santa Minia.

O alcalde de Brión, José Luís García, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, foron os encargados de recibir aos camiñantes na Carballeira de Santa Minia, onde a concelleira deu lectura a un manifesto contra a violencia de xénero. Romero destacou que en 2019 foron asasinadas 51 mulleres ata outubro, con outros 3 asasinatos máis en investigación durante novembro.

“Estamos tan afeitos a estes datos que non reparamos no que significan: dende 2003 morreron asasinadas en España 1.027 mulleres”, indicou a concelleira, quen salientou que actos como esa andaina son mensaxes aos violentos porque “é necesario conseguir que escoiten o que lles temos que dicir, que entendan que nós non toleramos os comportamentos violentos, que non hai nada que os xustifique, que están sos”.

Teatro

Paralelamente á Andaina, a sala municipal de exposicións de Brión acolleu a posta en escena da obra “Iriña Bailarina”, da compañía Teatro dos Ghazafelhos. Unha espectáculo dirixido a un público familiar no que Ghazafelhos e María Canosa fixeron reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais aos veciños e veciñas de Brión. Unha actuación incluída no “Outono Cultural 2019”, organizado polo Concello de Brión e que conta co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, da Rede de Dinamización Lingüística e do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia.